jueves, 11 de diciembre de 2025

Visita da escritora Paula Carballeira á nosa biblioteca

 Onte tivemos a sorte de recibir na biblioteca do centro á escritora Paula Carballeira, que compartiu con nós unha sesión chea de humor, emoción e historias marabillosas. O alumnado de Infantil,  e 2º de Primaria participou con moito entusiasmo, escoitando contos divertidos que nos recordaron a importancia da amabilidade e de tratar ben ás persoas que nos rodean.

Paula Carballeira é unha autora galega moi recoñecida no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Ademais de escritora, tamén é actriz e directora teatral, polo que logra darlle ás súas historias unha forza especial que engancha tanto a pequenos coma a maiores.

Queremos agradecerlle a Paula a súa visita, o seu cariño e a maneira tan próxima coa que conquistou ao noso alumnado. Foi un auténtico agasallo poder desfrutar da súa presenza e do seu talento.

Grazas tamén a todos os nenos e nenas por participar con tanta ilusión. Seguimos enchendo a biblioteca de boas historias… e de amabilidade!






lunes, 24 de noviembre de 2025

Mes da Ciencia en galego na aula de 5 anos!

 🦕 Na aula de 5 anos seguimos viaxando ao pasado!

Aproveitando o Mes da Ciencia en Galego, os nenos e nenas de 5 anos que están inmersos nun proxecto sobre os Dinosaurios, investigaron como puido ser a súa extinción… e puxéronse mans á obra cun experimento de volcán espectacular! 🌋✨

O mellor de todo? Saíulles tan ben que decidiron converterse en pequenos divulgadores e llo amosaron aos máis pequenos do cole! 🧪💚

Aprendizaxe, ciencia e xogo… todo nunha mesma explosión de entusiasmo!!!




martes, 4 de noviembre de 2025

Representación teatral de 5º: “Corre, corre, cabaciña”

 Dentro das actividades de Samaín, o alumnado de 5º de Primaria preparou con moita ilusión a obra de teatro “Corre, corre, cabaciña”, unha divertida historia tradicional chea de humor, sustos e moita creatividade.

Durante varias semanas traballaron os diálogos, a música e o vestiario, e o resultado foi unha representación fantástica da que todo o colexio puido gozar.

Parabéns a todos e todas polos vosos esforzos, pola vosa posta en escena e pola alegría que transmitistes no escenario.

Aquí deixamos o vídeo da actuación, para que poidades revivir este momento tan especial.
Non esquezades poñer o volume... e prepararvos para correr detrás da cabaciña! 






 

jueves, 30 de octubre de 2025

Gañadores e gañadoras do concurso de debuxo e microrelato de Samaín 2025

 Durante a celebración do Samaín e Magosto, vivimos un dos momentos máis esperados: a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato.

O alumnado puxo toda a súa imaxinación, creatividade e sentido do humor en cada obra, e o resultado foi espectacular. Tivemos historias arrepiantes, debuxos de medo e moita orixinalidade, o que fixo moi difícil a elección dos gañadores.

Parabéns a todos e todas polos vosos traballos, e en especial aos premiados deste ano:

  • Leo (4º de EI)

  • Valentina (1º de EP)

  • Sofía (3º de EP)

  • Lucía (4º de EP)

  • Gael (5º de EP)

Grazas por encher o cole de arte, misterio e moita fantasía.













jueves, 23 de octubre de 2025

Saída ao teatro no auditorio de O Grove

 Hoxe os alumnos e alumnas de 3.º e 4.º de Primaria tivemos a sorte de asistir á representación de Castelao no auditorio de O Grove. A obra, dirixida por Fina Calleja, presenta ao pequeno Castelao aos oito anos, na súa vila natal de Rianxo, alegre, divertido e con moita curiosidade.


A representación amosounos como, a través do xogo e da imaxinación, Castelao comezou a descubrir o seu amor polo debuxo, pola galeguidade e pola memoria do pobo.

Grazas á saída, non só desfrutamos do teatro, senón que descubrimos un gran persoeiro da cultura galega, entendido desde a infancia, e comprendemos que as raíces e os recordos do pobo tamén son un tesouro para conservar.






 

martes, 21 de octubre de 2025

Obradoiro de decoracións de Samaín na biblio

 Ao longo desta semana e da próxima, o noso alumnado está a participar no obradoiro de decoracións de Samaín durante os recreos na biblioteca. Esta actividade está a converterse nun espazo creativo no que os nenos e nenas poden dar renda solta á súa imaxinación decorando para esta celebración tan especial.

Os grupos de terceiro foron os primeiros en estrear o obradoiro e deron exemplo co seu traballo e ilusión. Hoxe sumáronse novos participantes, que continuaron enchendo a biblio de pantasmas, morcegos, cabazas e moita maxia terrorífica!

Aquí vos deixamos algunhas imaxes dos momentos vividos no obradoiro onte e hoxe. Mirade que artistas temos no cole!








lunes, 20 de octubre de 2025

Primeiros momentos na biblio

 

Primeiros momentos na biblio

Ao longo deste mes, o alumnado de Infantil de 3 anos estivo a descubrir a nosa biblioteca escolar.

Foron entrando, coñecendo o espazo, aprendendo onde están os contos, como se coidan os libros e tamén descubrindo os xogos e recunchos que poden atopar nela.

Houbo tempo para mirar contos, escoitar historias, xogar, compartir e ir collendo confianza neste novo espazo que pouco a pouco xa senten como propio.

Está a ser unha experiencia tranquila e moi especial, na que cada neno e nena comeza a familiarizarse cun lugar que os acompañará durante moitos anos no colexio.









viernes, 17 de octubre de 2025

Contacontos con Estefanía Padullés: Que mal día, gato Klops!

 Hoxe tivemos a sorte de recibir no noso colexio á escritora e ilustradora Estefanía Padullés, autora do fermoso conto Que mal día, gato Klops!.

Desde Infantil de 5 anos ata 4º de Primaria, o alumnado gozou dunha mañá chea de imaxinación, risas e emocións. Estefanía contounos as aventuras do gato Klops, un gatiño que parece ter un día desastroso, ata que unha estrela cae diante do seu fuciño e todo comeza a cambiar.

A través das súas palabras e das súas ilustracións, descubrimos que mesmo os días máis malos poden rematar ben, e que sempre hai un chisquiño de luz esperando por nós. O alumnado participou con entusiasmo, comentando as ilustracións que Estefanía ía debuxando e facendo preguntas.

Ademais, a autora explicounos como crea os seus contos e debuxos, animando a todos e todas a seguir debuxando, lendo e escribindo historias.

Grazas, Estefanía, por facernos sorrir e lembrar que cada día pode ser especial!





lunes, 30 de junio de 2025

Novos recunchiños

 Así quedou o noso mural, creado por todos os nenos e nenas na formación de imprenta creativa, que da lugar ao noso novo recuncho. Nel mestúranse xogos sensoriais e elementos que favorecen o descubrimento, a concentración e o desenvolvemento das funcións executivas. 

Estes recursos permiten crear experiencias educativas máis ricas e adaptadas á diversidade do alumnado.



miércoles, 25 de junio de 2025

Xornada de portas abertas do PDI

 Rematamos o curso por todo o alto coa presentación do noso Proxecto Documental Integrado! Foi unha xornada moi especial na que contamos coa participación das familias e na que se amosou todo o traballo realizado ao longo dos últimos meses.

 En Infantil, os murais inspirados na pintura enchérono todo de cor

 En 1º, os cortometraxes creados polo alumnado deixaron a todos/as abraiados/as.

 En 2º fixemos rir coas nosas coleccións de chistes e trucos de maxia.

 En 3º representouse un conto creado e teatralizado polos nenos e nenas.

 En 4º, expuxemos unha escultura colectiva feita con material reciclado, coa colaboración das familias e coa axuda de Retha de Kock, que dende aquí queremos agradecerlle publicamente o seu traballo e disposición.

 En 5º, fixemos unha viaxe pola historia da música e tamén expuxemos o noso mercadiño Depoemprende.

 E en 6º, a fotografía foi a protagonista, cunha exposición chea de talento.

Despois, gozamos dunha merenda deliciosa grazas ás achegas das familias.
E para poñer o broche de ouro... concerto de Paco Nogueiras! Un peche de festa inmellorable que fixo bailar a pequenos e maiores!

Grazas a todos e todas por facer deste día un auténtico éxito! 💫

 

 

 

 

 

Obradoiro- creando con vimbio

Dentro da formación de BiblioCreativa, tivemos a sorte de participar nun marabilloso obradoiro da man de O Cestín do Furón , no que o vimbio...