jueves, 30 de octubre de 2025

Gañadores e gañadoras do concurso de debuxo e microrelato de Samaín 2025

 Durante a celebración do Samaín e Magosto, vivimos un dos momentos máis esperados: a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato.

O alumnado puxo toda a súa imaxinación, creatividade e sentido do humor en cada obra, e o resultado foi espectacular. Tivemos historias arrepiantes, debuxos de medo e moita orixinalidade, o que fixo moi difícil a elección dos gañadores.

Parabéns a todos e todas polos vosos traballos, e en especial aos premiados deste ano:

  • Leo (4º de EI)

  • Valentina (1º de EP)

  • Sofía (3º de EP)

  • Lucía (4º de EP)

  • Gael (5º de EP)

Grazas por encher o cole de arte, misterio e moita fantasía.













jueves, 23 de octubre de 2025

Saída ao teatro no auditorio de O Grove

 Hoxe os alumnos e alumnas de 3.º e 4.º de Primaria tivemos a sorte de asistir á representación de Castelao no auditorio de O Grove. A obra, dirixida por Fina Calleja, presenta ao pequeno Castelao aos oito anos, na súa vila natal de Rianxo, alegre, divertido e con moita curiosidade.


A representación amosounos como, a través do xogo e da imaxinación, Castelao comezou a descubrir o seu amor polo debuxo, pola galeguidade e pola memoria do pobo.

Grazas á saída, non só desfrutamos do teatro, senón que descubrimos un gran persoeiro da cultura galega, entendido desde a infancia, e comprendemos que as raíces e os recordos do pobo tamén son un tesouro para conservar.






 

martes, 21 de octubre de 2025

Obradoiro de decoracións de Samaín na biblio

 Ao longo desta semana e da próxima, o noso alumnado está a participar no obradoiro de decoracións de Samaín durante os recreos na biblioteca. Esta actividade está a converterse nun espazo creativo no que os nenos e nenas poden dar renda solta á súa imaxinación decorando para esta celebración tan especial.

Os grupos de terceiro foron os primeiros en estrear o obradoiro e deron exemplo co seu traballo e ilusión. Hoxe sumáronse novos participantes, que continuaron enchendo a biblio de pantasmas, morcegos, cabazas e moita maxia terrorífica!

Aquí vos deixamos algunhas imaxes dos momentos vividos no obradoiro onte e hoxe. Mirade que artistas temos no cole!








lunes, 20 de octubre de 2025

Primeiros momentos na biblio

 

Primeiros momentos na biblio

Ao longo deste mes, o alumnado de Infantil de 3 anos estivo a descubrir a nosa biblioteca escolar.

Foron entrando, coñecendo o espazo, aprendendo onde están os contos, como se coidan os libros e tamén descubrindo os xogos e recunchos que poden atopar nela.

Houbo tempo para mirar contos, escoitar historias, xogar, compartir e ir collendo confianza neste novo espazo que pouco a pouco xa senten como propio.

Está a ser unha experiencia tranquila e moi especial, na que cada neno e nena comeza a familiarizarse cun lugar que os acompañará durante moitos anos no colexio.









viernes, 17 de octubre de 2025

Contacontos con Estefanía Padullés: Que mal día, gato Klops!

 Hoxe tivemos a sorte de recibir no noso colexio á escritora e ilustradora Estefanía Padullés, autora do fermoso conto Que mal día, gato Klops!.

Desde Infantil de 5 anos ata 4º de Primaria, o alumnado gozou dunha mañá chea de imaxinación, risas e emocións. Estefanía contounos as aventuras do gato Klops, un gatiño que parece ter un día desastroso, ata que unha estrela cae diante do seu fuciño e todo comeza a cambiar.

A través das súas palabras e das súas ilustracións, descubrimos que mesmo os días máis malos poden rematar ben, e que sempre hai un chisquiño de luz esperando por nós. O alumnado participou con entusiasmo, comentando as ilustracións que Estefanía ía debuxando e facendo preguntas.

Ademais, a autora explicounos como crea os seus contos e debuxos, animando a todos e todas a seguir debuxando, lendo e escribindo historias.

Grazas, Estefanía, por facernos sorrir e lembrar que cada día pode ser especial!





Obradoiro- creando con vimbio

Dentro da formación de BiblioCreativa, tivemos a sorte de participar nun marabilloso obradoiro da man de O Cestín do Furón , no que o vimbio...