jueves, 26 de marzo de 2026

Micro aberto

 O pasado 21 de marzo foi o Día Mundial da Poesía, e no noso centro quixemos darlle continuidade ao longo de toda a semana cunha actividade moi especial.

Durante os recreos, a biblioteca converteuse nun espazo de encontro arredor das palabras, onde o alumnado foi achegándose para recitar poemas elixidos por eles mesmos, moitos deles coa colaboración das súas familias.

Foron recreos diferentes, cheos de emoción, creatividade e sensibilidade, nos que a poesía estivo moi presente. Verso a verso, fomos descubrindo o pracer de escoitar, compartir e expresarnos.

Queremos agradecer a participación de todo o alumnado e das familias que colaboraron na elección dos poemas, facendo posible esta fermosa experiencia.

Porque a poesía tamén se vive… e no noso cole, estes días, sentiuse en cada recuncho.











lunes, 16 de marzo de 2026

O xadrez chega á nosa biblio!

 A pasada semana o alumnado tivo a oportunidade de iniciarse no apaixonante mundo do xadrez grazas á visita de José Manuel Prol Lusquiños, do Club Xadrez Cum Laude.

Desde os máis pequenos de 5 anos ata o alumnado de 6º de Primaria participaron nesta experiencia, na que puideron coñecer as pezas, os movementos básicos e algunhas estratexias deste xogo tan especial.

Ao longo das sesións, os nenos e nenas comprobaron que o xadrez non é só un xogo de mesa, senón tamén unha actividade que axuda a desenvolver habilidades como a concentración, a memoria, o razoamento lóxico e a capacidade para tomar decisións. Ademais, tamén promove valores como a paciencia, o respecto polo rival e o compañeirismo.

A través de pequenos retos e partidas adaptadas á súa idade, o alumnado participou con moito interese e curiosidade, descubrindo un deporte que permite aprender mentres se xoga.

Queremos agradecer a José Manuel a súa visita e o seu entusiasmo á hora de achegar o xadrez ao noso alumnado.











martes, 10 de marzo de 2026

Semana da prensa - Titulares tolos!

 Con motivo da Semana da Prensa, no cole realizamos unha actividade moi creativa chamada “Titulares tolos”.

Partindo de xornais reais, o alumnado converteuse por un momento en auténticos xornalistas… pero con moita imaxinación!

Primeiro manipulamos os xornais, observando as distintas seccións e recortando palabras e fragmentos de titulares que nos chamaban a atención. Despois, con todos eses recortes, creamos os nosos propios titulares tolos, combinando palabras para inventar noticias sorprendentes, divertidas e moi orixinais.

Por último, cada un ilustrou o seu titular inventado, realizando un debuxo relacionado coa noticia creada e empregando papel de xornal como base para o traballo.

O resultado foi unha colección de titulares cheos de humor, creatividade e imaxinación que nos permitiu achegarnos ao mundo da prensa dunha maneira lúdica e artística.





 

Obradoiro- creando con vimbio

Dentro da formación de BiblioCreativa, tivemos a sorte de participar nun marabilloso obradoiro da man de O Cestín do Furón , no que o vimbio...